martes, 9 de xuño de 2020

Pasatempos matemáticos

Para rematar o traballo feito neste trimestre tan especial, propóñovos que xoguedes coas matemáticas. 

SECUENCIAS LÓXICAS

ENIGMAS

1-A illa dos ollos azuis
Nunha illa hai 100 habitantes. Todos eles teñen ou ben ollos azuis ou ben ollos marróns. Todos ven a cor dos outros, pero non a cor propia. Non poden falar do tema e non hai espellos. Iso si: unha lei establece que se alguén descobre que ten os ollos azuis, ha de abandonar a illa ás 8 da mañá seguintes. Todos os insulares teñen a mesma capacidade para razoar e todos son capaces de usar unha lóxica impecable.

Un día, unha persoa chega de visita á illa e, mentres os mira a todos, di, sen sinalar a ninguén en concreto: “Que bo é ver polo menos unha persoa con ollos azuis despois de tanto tempo de estar en alta mar!”

Que consecuencias trouxo este comentario aos habitantes da illa?

2-Que número segue nesta sucesión numérica:

1 - 2 - 4 - 5 - 8 - 1000…

3-  A porta infernal

Un de mentireiros. Estás encerrado nunha habitación na que hai dúas portas vixiadas por dous sentinelas. Unha leva á liberdade, pero a outra á morte segura. Podes elixir unha porta e antes podes facer unha pregunta a un dos sentinelas. Hai un problema: un deles sempre di a verdade, pero o outro sempre mente.

Que pregunta farías para salvar a túa vida?

4-  O contrasinal

Un grupo de policías investiga o cuartel xeral dun grupo de delincuentes. Queren infiltrarse, pero necesitan o contrasinal, así que vixían para tentar pescudala. Un tipo achégase á porta. Desde o interior dinlle: “18”. Contesta: “9”. A porta ábrese e déixanlle pasar. Chega outro. Dinlle: “8” e contesta: “4”. Tamén lle deixan entrar. Chega un terceiro. Ao número “14” contesta “7” e ábrenlle a porta.

Os policías cren dar coa clave: só hai que dividir entre dous o número que digan. Así pois, deciden enviar a un axente de incógnito. Ao chegar á porta dinlle “0”. Contesta: “0”. A porta non só non se abre, senón que lle disparan e mátano. Volven probar con outro axente. Desde dentro óese: “6”. Contesta: “3”. Mátano de novo.

Cal é o erro que cometeron os policías?

5- As pitas da señora Remedios
A señora Remedios decidiu ir á feira de Monterroso para vender alí todas as súas galiñas. Tratábase dunha anciá ben arteira que por cartos era quen de enganar a calquera.
O seu posto na feira era unha especie de curraliño, mais non era posible ver as galiñas, só se escoitaba o seu cacarexar, pois estaban tapadas por unha gran lona. A quen se interesaba polas pitas dicíalle asi:
—As miñas galiñas sonlle ben poñedoras, mais ás pobres non lles convén a luz do sol porque andan mal da vista: tres non poden ver co ollo dereito e tres non poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver co dereito e tres poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver cos dous ollos e outras tres teñen ambos os dous ollos cegados.
Un dos primeiros clientes, ao escoitar a explicación da señora Remedios e os cartos que pedía por elas, pensou: «Por este diñeiro fago ben en levar as dezaoito galiñas». Pagou e marchou coas pitas, sen levantar a lona para non as prexudicar.
Cando por fin chegou á súa casa e descubriu a lona, o comprador arrenegou do negocio porque o número de galiñas se reducira ao mínimo respecto do que el imaxinaba. Iso si, a señora Remedios non lle mentira.
Cantas galiñas lle vendera?

6- O inapetente David

David entrou no restaurante que visitaba a diario nas últimas semanas. Comida caseira a un prezo moi razoable. A camareira axiña percibiu en David o mesmo aire tristeiro e morriñento dos días anteriores. Leas no traballo? Mal de amores? Problemas de saúde? Quen sabe? Aos poucos minutos, sen mediar palabra, a camareira levou á mesa de David o prato que sempre pedía e que sempre malcomía: un lombo de pescada rebozado con patacas fritas. Como nos días anteriores, o cliente quedou ollando con desgana o xantar. Deixaríao intacto? No móbil de David soou entón o aviso dunha mensaxe de texto. Colleuno coa mesma inapetencia coa que ollaba para o peixe e leu. «COME HOME!», dicía a mensaxe. David deixou o prato como estaba, levantouse da mesa e marchou cun medio sorriso na cara.

Por que?